e

 

Bibliotext

 

Órgano informativo da A.B.G.
Número 0 : Marzo de 1994.
Director : Manuel P. Grueiro
Consello de Redacción : Alejandro Cainzos Corbeira.
Mar Fontenla López.
Xosé Lois Lois Navaza.
Enderezo : Av. Algeciras 61
15510 Neda (A Coruña)
Teléfono/FAX : 981-390233
Colaboracións : Ap. Correos 420-Ferrol
Deseño e realización : SPID, S.L.

 

 

EDITORIAL:

A aparición do Boletín Informativo debe significar un paso importante na vida asociativa. Moitas veces definimos a situación das bibliotecas, entre outras características,polo seu illamento, pola falla de nexos de unión entre elas. Non existe, hoxe en día, un sistema bibliotecario. Nós somos os principais interesados e en grande parte responsables de crealo.

As canles de contacto son máis persoais que institucionais. E ainda así, estas teñen moitas limitacións, no tempo, na distancia e na continuidade. A pertenza a diferentes administracións, os variados xeitos de concebir a profesión e as condicións particulares tampouco axudan.

A dispersión xeográfica e os problemas engadidos da situación laboral, administrativa e o habitual desbordamento no traballo diario, impide moitas veces esa relación cotiá entre nos.

Por elo, a busca de vías de coordinación, colaboración, intercambio e relación é fundamental para o noso desenvolvemento profesional. Todalas posibles son poucas para cambia-la situación actual. É preciso un instrumento para tentar sintonizar na mesma lonxitude de onda, máis alá das lóxicas diferencias e particularidades, ós membros dispersos da profesión.

Nas xuntanzas que facemos ás veces -poucas- coincidimos sempre na importancia que teñen para a moral, e como coñecemento mutuo, como trasmisión de experiencias, como forma, en fin, de construir un colectivo, que ainda non o somos.

Cremos que este será o principal e fundamental papel do boletín. Pero ademáis, como aporte de información mutua, de denuncia, de voceiro das inquedanzas, dos aportes, das investigacións, dos artigos técnicos que cada quen escriba e queira dar a coñecer.

No momento de pensar nun nome para este órgano da Asociación, moitas foron as propostas. Mais finalmente optamos por BIBLIOTEXT, que pretende sintetizar a idea da biblioteca unida ás novas tecnoloxías,á renovación constante, ó futuro con novos medios, novos soportes, deixando de lado a idea das bibliotecas ancoradas no pasado, illadas, escuras, cubertas de pó, tal como ás veces nos pintan na literatura. O noso mundo é un mundo que progresa, que avanza coa sociedade: tal a idea que queremos dar, a imaxe pola que queremos ser recoñecidos.

Chamamos, polo tanto, a tódolos /as compañeiros/as, non só a integrar-se, relacionarse, senon incluso a ser partícipes activos deste órgano informativo, enviando as súas noticias, recortes de prensa, ideas, iniciativas, denuncias e demais sobre o noso mundo bibliotecario.

Agardamo-la vosa resposta, e esperamos estar convosco moi pronto, no seguinte número.

Manuel P. Grueiro

UNHA PROPOSTA PARA A DISCUSIÓN

A.B.G.: ORGANIZACIÓN, PRESENCIA E REIVINDICACIÓN.

Cando comezamo-la nosa andadura, fixemolo coa proposta fundamental de configurar unha asociación profesional, que levase adiante un labor a prol da mellora non só dos bibliotecarios e bibliotecarias, senon tamén dos servicios ó noso cargo, dos que somos responsables.

Ata agora, a dispersión e o illamento son as características das bibliotecas, sendo cada unha como un mundo aparte, sen ligazóns de cooperación ou coordinación, sen conformar realmente un sistema, como ocurre con outros servicios públicos (sanidade, ensino, etc.).

Esta situación é un handicap perigoso, por doble sentido: os profesionais, illados, non teñen forza para seren recoñecidos socialmente, e por outra banda, a calidade dos servicios é inferior ó realmente necesario.

ORGANIZACIÓN:

Cando falamos de organización, non nos referimos só ás nosas estructuras internas (delegacións, comisións, grupos de traballo, etc.), que é preciso impulsar e desenrolar, nen só da integración de cada vez máis profesionais na ABG, senón á imprescindible relación técnica entre as bibliotecas e da posta ó día delas, que debe atopar xa vías de concreción.

Examinemos críticamente que servicios estamos a brindar, a que nivel, con que calidade. Vexamos se os nosos lectores, e nos mesmos, estamos satisfeitos. Pensemos que a nosa forma de traballo -que podemos chamar artesanal, é dicir xa atrasada- está ó mesmo nivel, con poucas variantes, que no século pasado. Incluso os materiais que ofrecemos son básicamente os mesmos que cando Gutemberg.

En canto á actualización da información que brindamos, á axilidade de resposta ás necesidades dos usuarios, temos que concluir que os retrasos son evidentes.

Certo que todos temos problemas, pero non serán resoltos chorando sobre eles. Hai que sair á ofensiva, pero usando as armas das que podemos dispor: a nosa propria cualificación e a mellora dos servicios. Non somos un colectivo numeroso, nin prestixiado especialmente, non temola forza para presionar, como un sindicato. Pero podemos, se queremos solucións globais, co respaldo do conxunto da sociedade, ofrecer calidade no servicio, é dicir, respostar ás demandas dos usuarios do mellor modo posible. Só así acadaremos prestixio e xa que logo, estaremos en condicións de esixir.

Para elo, compre cambiar de mentalidade: deixar de lado o concepto da "miña biblioteca", e concebir xa a "biblioteca global", sen agardar que veña dada e feita de arriba. Debemos encardinar xa os centros de lectura no sistema, crear o sistema.

Se é fundamental organizarse como colectivo, como gremio, tamén o é dar agora pasos certos e concretos para crear tal sistema bibliotecario. Elo convertiría as illas nun só continente. Temos falado moitas veces do tema: é o momento de pórse a elo. Un dos pasos nese sentido é o da creación dos servicios compartidos ou coordenados, por exemplo.

O mundo cambia rápidamente, as necesidades de información e de actividades para o lecer aumentan a ritmos vertixinosos. ¿Están as bibliotecas á mesma altura?. A integración das novas tecnoloxías, dos novos soportes, as formas distintas de entende-la nosa labor están necesitados dun profundo debate. Estamos a falar do futuro das bibliotecas, que xa está aquí, xa nos está rebasando e pode deixar-nos atrás.

¿Quizais estamos resistindonos a cambiar, temos medo a dar este salto?. A sociadade está a resolver moitas das súas necesidades e apetencias de información e de tempo libre sen contar con nos. Polo tanto, estamos, en grande parte, fracasando. Pode chegalo momento en que a sociedade entenda que non somos necesarios, polo menos como ata hoxe estamos concebidos, e prescinda das bibliotecas e dos profesionais das mesmas, sustituíndonos por outra cousa.

¿Seguimos nós mesmos, tal vez, aferrados ó concepto de que as bibliotecas son uhna rama auxiliar da Historia, como os arquivos, ou seremos unha especialidade das Ciencias da Información, da Pedagoxía, da Animación Cultural, ou tal vez algunha outra cousa?

Incluso se falamos de Animación Cultural como un dos nosos obxectivos, hoxe hai outros medios e elementos que non están nas bibliotecas, pero que están cubrindo, cada vez máis, estes espacios e necesidades.

En definitiva, propoñemos discutir, pero maís que nada chegar a conclusións e actuar en consecuencia, sen agardar.

As bibliotecas, que en momentos históricos determinados foron impulsoras dos cambios , corren o risco de quedar rezagadas. Temos que recibir o século XXI preparados, antes de que chegue.

PRESENCIA:

Non só debemos aparecer na prensa -cousa moi importante- cada biblioteca, en cada cousa que fai, senon dar a cara como conxunto, dar a idea de que somos un movemento renovador. Neste sentido, tódolos medios poden aplicarse: dende un boletín, que debe estar pronto na rúa, ata a utilización dos medios de comunicación de masas, pero sempre como parte dun todo, como un sistema.

A Lei do Sistema Bibliotecario de Galicia non avanza, entre outras cousas por que non parece necesaria, como por exemplo, a LOXSE. E somos os profesionais os primeiros responsables e interesados en elo. Non agardemos a que ninguén nos faga o sistema. Está nas nosas mans: nós somos o sistema bibliotecario.

Se inculcamos en nós mesmos, e logo na sociedade, esta idea de conxunto, de colectivo, axudaranos no recoñecemento social, que redundará logo na situación do persoal e na mellora nos servicios.

As campañas de denuncias por si mesmas non bastan, se non damos solucións concretas. Elo sendesprecia-las (debemos recordar a nosa denuncia, por exemplo, no caso das oposicións ás bibliotecas universitarias), pero é preciso que de arriba a abaixo e de abaixo a arriba. A Asociación e os socios remitan a información referente á profesión, así como a difusión de actividades -sobre todo das no- vedosas- dos éxitos na renovación profesional, para que a sociedade nos vexa de modo diferente.

Precisamo-la renovación da nosa presencia, cara á sociedade, á Administración e ós usuarios. Declaremo-nos insatisfeitos, abramos unha campaña pública, pero non para a galería, senon baseada en feitos novos, en avances reais.

O marketing bibliotecario debe estar acompañado de servicios que satisfagan ó lector. Temos que mellorar as formas de comunicación, pero tamén o que hai detrás (o producto que ofrecemos), ou corremo-lo risco de frustración das expectativas. Non basta con dicir: "Ven á Biblioteca", senon que hai que se preguntar: ¿Qué estamos a ofrecer, que outras cousas, como podemos mellorar os servicios?. Tamén temos que traballar máis planificadamente, indo por diante dos acontecementos, prevendo, realmente creando.

A rutina é un dos nosos enimigos. Non só debemos acepta-los cambios, senon buscalos, crealos.Todo isto esixe autocrítica, que non é fácil.

A pesar que pouco a pouco vai cambiando a nosa imaxe, en parte gracias ó noso labor, ainda falta case todo. Hai que reivindicar a nosa misión como técnicos documentalistas, como bibliotecólogos, e como animadores culturais, pero debemos tecnificarnos, cualificarnos, deixar de ser simples despachadores de mercancías, ainda que sexan culturais.

A verdadeira imaxe ou presencia desexable é a dun servicio eficiente, moderno, que cubre as necesidades da poboación, para que logo ela recoñeza como útil e necesaria a nosa existencia.

REIVINDICACIÓN:

É a partir de aquí que podemos realmente reivindicar melloras para o persoal e para a profesión, individual e colectivamente. Moitas veces a administración da que dependemos guía-se polo que podemos chamar eco social. Se demostramos, non só individualmente, senon colectivamente, do que somos capaces, a sociedade mesma esixirá á Administración as melloras que reivindicamos, por que as considerará como súas.

Hai que ter en conta que outros colectivos máis poderosos (mestres, médicos) non sempre acadan solucións ás súas demandas. Nembargantes, colectivos minoritarios pero que logran peso real polo seu prestixio, ás veces obteñen eses obxectivos.

Organización, presencia, pero sobre todo calidade de servicios, son os elementos básicos da nosa mellora profesional. En cada un deles temos que ser un colectivo, un conxunto.

Para resolver casos individuais de dereitos non recoñecidos, non sería necesario crear unha Asociación coma esta: xa existen os sindicatos, cos que non podemos competir. Non é a nosa función, máis alá de que fagamos forza diante quen corresponda para defender ós nosos compañeiros.

Resolveremolos nosos problemas laborais, económicos, administrativos ou legais, e lograremos, ó mesmo tempo, un aumento na nosa cotización social como técnicos, canto máis cualificados, e por tanto solicitados e prestixiados. Moitos deses problemas laborais parten da imcomprensión do noso papel, da nosa falta de imaxe.

No momento en que non só os nenos, algúns estudiantes e os incondicionais devoradores de libros sexan o noso sostén social, senon que cada vez máis amplos e diversos sectores, satisfeitos como usuarios estén da nosa parte e compartan as nosas reivindicacións, comezaremos a resolver moitos dos nosos problemas.

PARTICIPA NA DISCUSIÓN DESTE DOCUMENTO, APORTA IDEAS E SOLUCIÓNS CARA A UNHA RENOVACIÓN E MELLORA NA PROFESIÓN.

DELEGACION DE FERROLTERRA-CORUÑA NORTE

PARTICIPAR:

A situación actual que atravesan as Bibliotecas Galegas, agravada ano tras ano pola falla de desenrolo da Lei de bibliotecas, esixe de tódalas/os profesionais afectadas/os unha implicación activa que nos permita atopar unha saída á inxente cantidade de problemas que inciden na execución cotiá da nosa actividade.

O máis doado sería pensar como se fixo até o momento que nós somos víctimas dun sistema que non funciona, pero cecais o exercicio da AUTOCRÍTICA, inexistente na maioría dos casos, resulte saudabel e un ponto de encontro que nos permita encarar solucións globais, esquecéndonos xa dunha vez por todas do noso case que eterno papel de plañideiras.

Dende a Asociación Bibliotecaria Galega facemos un chamamento ó debate dende unha óptica pluralista, porque pensamos que estamos no tempo de acadar solucións, coa colaboración aberta, dinámica e optimista das/os implicadas/os e desexamos que as páxinas de BIBLIOTEXT sexan unha canle de PARTICIPACIÓN REAL, a través de artigos de opinión, comunicación de experiencias, informacións..., posibilitando un acercamento real que consiga transmitir ó conxunto da sociedade en xeral o valor social da nosa profesión.

ESCRIBE Ó NOSO APARTADO DE CORREOS 420 de Ferrol, ou por FAX ó 981/390233.
Tí tamén tes algo que dicir no noso Boletín
.

LEI DE BIBLIOTECAS: OS CENTROS TERRITORIAIS DE BIBLIOTECAS:

Como todos sabedes, a Lei 14/1989, do 11 de Outubro establece as liñas xerais do que debe se-lo Sistema Bibliotecario de Galicia, "ofrecendo a oportunidade de levar a cabo unha política coherente en materia de bibliotecas que garanta, finalmente, o dereito de tódolos cida-dáns galegos á cultura".

Despois de catro anos da aproba-ción desta Lei de Bibliotecas, e des-pois de intentar participar no desen-rolo posterior da mesma, seguimos sen a formación dun dos órganos máis importantes na organización e funcionamento do Sistema Bibliotecario de Galicia, os Centros Territo-riais de Bibliotecas.

Tódolos órganos do sistema bibliote-cario son importantes, pero para as Bibliotecas Municipais especialmente, o funcionamento deste órgano e de gran valor.

¿Porqué é tan importante para as bibliotecas municipais este organismo?

Repasando a súa propia compo-sición contestaremos a nosa pregunta. O número de vocais deste organismo son:

  • Dous representantes das Bibliotecas Municipais. É o único organismo do Sistema Bibliotecario no que están representadas as Bibliotecas Municipais.

  • Un representante das Asociacións Profesionais de Bibliotecarios.

  • O/a Director/a da Biblioteca Pública Provincial.

  • O/a Secretario/a deste órgano de ámbito provincial, con voz e voto, é un funcionario, técnico en bibliotecas.

  • Dous representantes dos Concellos. Concellais dos que depende moito a nosa labor, e polo tanto os nosos problemas máis inmediatos.

  • Tamén será vocal do Centro Territorial de Bibliotecas. un representante da Deputación Provincial.

  • Os Centros Territoriais estarán presididos polo Delegado da Consellería de Cultura, actuando na Vicepresidencia o Xefe/a da Área de Cultura da Delegación Provincial.

Despois deste repaso ó número de vocais que formarán os Centros Territoriais de Bibliotecas, vemos que o total de representantes é de DEZ, dos que CINCO son técnicos en Bibliotecas, xente que traballa no eido das bibliotecas, coñecedores da súa problemática. Os outros cinco son representantes das tres institucións que teñen competencias e responsabilidades sobre as bibliotecas: Xunta de Galicia, Diputacións e Concellos.

É, polo tanto, na propia composición onde radica a súa importancia, de cara ás Bibliotecas Municipais.

¿Porqué é tan importante a súa posta en funcionamento?

Está moi claro se nos atemos ás funcións que pola Lei teñen adxudicadas estes órganos de ámbito provincial. Estas funcións son:

  • Orientar e coordenar o funcionamento da rede bibliotecaria,coñecer e aprobar os presupostos anuais das bibliotecas da rede, reparti-los fondos procedentes da Xunta de Galicia e de outros organismos, servir de apoio técnico ás bibliotecas.

Polo tanto, e si nos remitimos a unha das partes da exposición de motivos da Lei, aludida ó principio deste artigo, a de facer unha política coherente en materia de bibliotecas, que mellor oportunidade de levar este principio a cabo, que coa posta en marcha deste organismo territotial, no que os/ as bibliotecarios/as municipais temos cousas importantes que dicir, e que debido á nosa representatividade neste organismo, temos moitas posibilidades de que as nosas propostas se poñan posteriormente en práctica.

Por tódolo exposto, é importante aunar esforzos para poñen en funcionamento estes Centros Territoriais de Bibliotecas o máis pronto posible.

A. Cainzos Corbeira



A FORMACION DOS/AS BIBLIOTECARIOS/AS, UNHA NECESIDADE PERMANENTE:

Cando decidimos lanzar o Boletín da Asociación Bibliotecária Galega, tiñamos moi craros que obxetivos queriamos acadar.

Necesitamos un espácio onde as inquedanzas e visicitudes profesionais teñan un sitio. Necesitamos un foro de opinión, que á vez chegue a todos nós, e que nos faga reflexionar sobre o universo que existe máis aló das nosas bibliotecas, ainda que incluso teña que ver co mundo bibliotecário.

Non pretendemos, nin moito menos, convertir o noso Boletín nunha publicación científica cara á comunidade bibliotecária, aínda que todos os temas que nos preocupen a calqueira de nós teñan en él cabida, indistintamente da forma ou o seu nível, xa científico, xa divulgativo.

A importáncia deste número cero, radica na mesma existéncia do noso Boletín, xa que somos conscientes que ineludivelmente marcará o futuro dos seguintes números. Por eso, rexeitando máis logradas estéticas decidimos traer a colación problemas e preocupacións que acosan a nosa profesión. Non cun ánimo "dogmático" ou "de cátedra", senon máis ben na liña de crear un espácio para o debate que veña a rexenerar as perdidas enerxías e dinamismo dos que a nosa profesión gozou hai uns anos.

Uns dos problemas máis graves que hoxe ten a profesión dos/das bibliotecários/as, radica na súa orixe: O acceso á mesma. A formación tanto inicial como permanente dos bibliotecários.

Neste artigo, penso que están latentes dous graves problemas, un xa enunciado, e outro, que, a meu modo de ver as cousas, non é menos grave:

o inmovilismo que está a momificar a nosa profesión, na que os problemas non só non se solucionan co recorrer do tempo, senon que mesmo se agravan.

A modo de exemplo, sirvanos este artigo que corresponde á ponéncia que co gallo do curso organizado pola Xunta de Galicia en Pontevedra no pasado outubro do 1992, tiven a ocasión de pronunciar representando a nosa Asociación.

¿Qué quer dizer esto? Pois nin máis nin menos, que ano e pico despois todo segue a estar igual, e polo tanto esta ponéncia é totalmente vixente.

Ou mellor dito, o problema é mais grave, moito mais grave, xa que perdimos un ano en darlle unha resposta satisfactória. Que entre os profesionais non parece existir outra reacción que non sexa un conformismo fatalista. E por riba escoitamos, como única resposta a tan criticada implantación de Licenciatura de Humanidades, de boca da concelleira de turno, que os titulados nesta especialidade, pola polivaléncia da mesma, poden encargarse das bibliotecas. "Sres. políticos, con competéncias en Cultura", sexamos sérios, se o que se necesitan son bibliotecários, formen bibliotecários, e non busquen malos remedios as súas erradas decisións.

Ahí vai a postura da A.B.G. no concerninte ao acceso e formación permanente dos bibliotecários, tal e como manifestei hai máis de un ano en Pontevedra. Na mesma recolle-se a nosa proposta de vertebración da formación dos bibliotecários/as.

Outro aspecto, non menos importante, ao meu parecer, é que tipo de bibliotecários/as queremos formar (atención ao deseño das curriculas) tamén aquí, quero revelar a miña total sintonía cos compañeiros de mesa en aquel evento : Mª Jose Izquierdo e LLuis Anglada, tal e como quedou de manifiesto en Pontevedra.

Xosé-Lois Lois Navaza

TEXTO DA CONFERENCIA SOBRE

"A FORMACION DOS/AS BIBLIOTECARIOS/AS".

A formación dos técnicos, sen lugar a dúbidas, é un tema de vital importancia para calquera profesión. Non só ten a misión de preparar e regulamentar o acceso a mesma, senón que unha sociedade en contínuo desenvolvemento como a actual, esixe unha formación permanente, así como capacidade para incorporar as novas tecnoloxías, por parte dos profesionais.

Polo mesmo, cando na Asociación Bibliotecaria Galega falamos de formación bibliotecaria,  estamos a falar dun dos  temas mais  transcendentais que atinxen hoxe á profesión. Ao reto de acadar esa "imprescindível" formación permanente, que  permita ofrecer á Comunidade servicios bibliotecarios óptimos e axeitados ao decorrer dos tempos, engadese a caótica situación de carecer dun plan de estudios que sexan especificos.

A situación, polo tanto, resulta complexa. Non se trata somentes de regulamentar o acceso a profesión.  E,  nin siquer, chega con deseñar un programa de actualización  (aberto permanentemente, para recoller as novidades que se produzan), senon, que temos que pensar en homologar aos profesionais en activo.

Dado o breve da miña intervención, paso a expoñer en liñas xerais a proposta da Asociación Bibliotecaria Galega, e no decorrer do debate, se resulta de interés, podemos analizar mais profundamente a situación de partida, a situación actual. Do mesmo xeito, poderemos estudiar as iniciativas propostas, que necesariamente nesta exposición, resultaran pouco explicitadas.

FORMACION DO BIBLIOTECARIO CARA Ó ACCESO A PROFESION:

O Sistema Educativo, sexa cal sexa o nivel do que estemos a falar, ten, como un dos seus últimos obxectivos, capacitar ao cidadán para a súa incorporación ao Sistema Productivo. Polo tanto, no deseño das diversas curriculas, tense que ter en conta a realidade do mundo laboral, que en definitiva é quen demandará o tipo de profesionais que precisa.

  • Na actualidade esta demanda resulta moi dinámica dada a velocidade con que se están a producir cambios nas diferentes profesións. Polo que a tendéncia xeral en todos os países occidentais (incluídos Canadá, Estados Unidos e Xapón) é reducir a duración dos estúdios no nivel universitario, e deseñar carreiras de ciclos cortos. Incluso se acortan carreiras tradicionalmente de segundo ciclo (enxeñería, arquitectura, etc.). Tamén as universidades españolas están nesta liña, e pretenden acortar a duración dos estudios oferecidos.

Este é un dos mais poderosos argumentos en prol da implantación dos estudios de primeiro ciclo de Biblioteconomía e Documentación no noso País.

A  Asociación  Bibliotecária  Galega así o entendeu  xa  hai anos, e leva xestionando dende entón a súa  implantación. Con relativos resultados, xa que se ben aínda non é unha realidade, si cando menos, recabamos o apoio da Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra, que xunto a outras Entidades e Asociacións reclaman con nos esta titulación para a Universidade da Coruña-Ferrol, Campus Ferrol. O propio Rectorado, nun estúdio encargado sobre as titutacións a implantar, amosase proclive a súa incorporación.

A bondade da creación desta Diplomatura avalana a petición de implantación da mesma nos campus das  outras Universidades Galegas, tal e como recolleron diversos xornais hai algún tempo.

Na A.B.G., pensamos que estos estudiantes, diplomados en Biblioteconomía e en Documentación, son os profesionais idóneos para encargar-se das bibliotecas municipais das nosas vilas, así como das bibliotecas universitarias, escolares, centros de documentación dos servícios sanitarios, etc.

  • Sen entrar en contradicción co anterior, crémos que tamén resulta  necesario a creación do segundo ciclo destes estúdios, se ben  postergada no tempo até que existan as primeiras promocións do primeiro ciclo. Os titulados nesta licenciatura, convertiranse nos profesionais co perfil ideal para rexentar as grandes bibliotecas do Sistema, dos servícios bibliotecarios dos grandes concellos, etc.

  • A terceira alternativa propugnada pola Asociación Bibliotecaria Galega, e se ben presentada no último lugar secuencialmente, e tamén cronolóxicamente, sería a primeira en canto a sua creación, trata-se da posta en marcha dun "Módulo de nível III" de Biblioteconomía e Documentación, os argumentos en prol desta decisión resultan contundentes.

Por  unha banda a inmediatez e a economía presupuestária da sua implantación, xa que a Xunta de Galicia ten competéncias plenas neste nivel educativo, esto, en canto os aspectos infraestructurais.

Se temos en conta o perfil laboral demandado, estos titulados serían os idóneos para as bibliotecas municipais dos concellos de menos de 15.000/20.000 habitantes, así como para os auxiliares das bibliotecas universitárias e outras  grandes bibliotecas do Sistema, etc.

Outra das ventaxas desta titulación, radica nas posibilidades que ofrece cara a homologar ao personal en exercício, carente de titulación específica.

Na Asociación Bibliotecária Galega, así o entendemos, e dende hai un par de anos estamos a traballar cara á creación desta titulación, deste xeito presentamos diferentes estúdios para a sua implantación á Administración Tamén neste nivel educativo contamos co apoio das Autoridades, Entidades e Asociacións da Mancimubidade de Concellos de Ferrolterra, para a implantación inmediata destos estúdios de biblioteconomía.

Até o momento falamos dos estúdios a crear, nos diferentes níveis educativos. Pasaremos a continuación a tratar vários aspectos dos mesmos.

Unha cuestión realmente importante, xa que será determinante á hora de que estes titulados respondan ao perfíl dos profesionais que necesitan as bibliotecas, será a adecuación das currículas nos diferentes niveis á realidade do desempeño da profesión.

Crémos  que as diferentes currículas deben respostar as características das prazas para os que están deseñados, así como incorporar  cuestións non recollidas até o momento (automatización de bibliotecas,  manexo de bases de dados remotas e en CD-ROM, multimedias, dinamización de bibliotecas, actividades de animación a  lectura, deseño de campañas de mercadotecnia aplicadas a publicitación dos diversos servícios, etc.).

Pensamos na A.B.G., que non se trata de facer un coto privado, un vedado profesional, coa creación das titulacións, senón que estas capaciten para o desempeño da función dos bibliotecários, coa necesária reorientación da sua  tradicional función, e capaces de respostar as demandas do que teñen que ser as bibliotecas do noso tempo.

FORMACION NO EXERCICIO DA PROFESION:

Pedagogos de todo o mundo coinciden en remarcar a necesidade da formación permanente e actualización de coñecimentos. Non queda esta opinión acotada aos profesionais da educación, senón que participan da mesma Xefes de Persoal das diversas Administracións ou Empresas, Directores de Recursos Humáns, Comités de Persoal, Sindicatos, etc.

Xa  pertece  ao domínio público a evidéncia de que  nos  dez anos  que  seguen  ao remate dunha carreira  universitária  os coñecimentos  adquiridos na mesma,  esmorrecen nas veiras da nosa memória.  Se a esto engadimos-lle os contidos específicos xerados polo avance na  ciéncia en cuestión,   así como  os  avances tecnolóxicos que  lle  son de aplicación,  o desfase entre  os saberes do profesional  en exercício,  e os requeridos  para  o desempeño da profesión aumenta en proporción xeométrica co  paso dos anos.

Nengún  país,  ningunha profesión,  ningún profesional  que desexe  seguir  sendo competitivo pode esquencer  a  formación permanente, a formación no exercício da propia profesión.

Esto,  que a todos nos resulta obvio,  conleva un compromiso entre  os  dous  elementos da relación laboral.  Por  unha  parte requirese  a predisposición  do traballador, para  continuar formandose ao longo de toda a sua vida laboral.  Por parte  do contratador,  é  necesário  que facilite e motive a formación  do persoal.

A  nosa lexislación chega mais alá do exposto anteriormente, e nos  fala dos dereitos dos traballadores a promocionar no  seu emprego. A Constitución no seu Título I, Capítulo 2, Sección 2, Artículo 35, recolle o dereito "á  promoción a través do traballo".

No  "Estatuto  dos traballadores" nos artigos 4, 22  e  68 garantese este dereito coa adopción de medidas que posibiliten a promoción e formación profesional no traballo.

Na Lei 30/84 de 2 de Agosto da "Reforma de la Función Pública" adicase   o  artigo  21 a regulamentación  da promoción   dos funcionarios, e  o  22  ao "fomento da promoción  interna"  dos funcionários por parte da Aministración.

O Parlamento de Galicia, mediante a publicación no D.O.G. da Lei 4/1988, do 26 de maio, da "Función Pública de Galicia", recolle o  expresado anteriormente,  no seu capítulo 3,  nos artigos 60 e seguintes.

Este  Repertório  Lexislativo, necesariamente  escueto  por cuestións  de  tempo,  nos achega a importáncia  que  o  Poder Lexislativo concede-lle a  formación  permanente  e  promoción profesional.

No caso da nosa profesión, e ante a realidade galega, a nosa Asociación coida que deben emprenderse duas liñas de actuación:

Por unha banda, debe resolver-se a cuestión de actualización de coñecimentos, mediante unha formación contínua, que recolla as novidades no ámbeto da profesión. Pensamos que debería potenciar-se  este  aspecto  coa posta en marcha de  cursos  monográficos, seminários, xornadas técnicas, etc., tanto en maior número  e diversidade  dos  que actualmente  existen,  como  na valoración que se fai dos mesmos.

Estou a falar da "motivación" por parte do contratador a que me referín antes.  Estes cursos de actualización, ademais de ter-se  en conta para a promoción profesional, deben-se organizar de tal xeito que non lle resulten  onerosos aos  asistentes.  Na Consellería  de Educación, por exemplo,  os participantes  perciben unhas  dietas  que lles costean os gastos de desprazamento,  así como a posibilidade de permisos na xornada laboral para asistir a estes cursos de formación.

En  canto  a  promoción profesional,  debe-se vertebrar  un sistema  que posibilite o ascenso dos profesionais en  exercicio. Para esto é necesário,  non só a actuación do Sistema  Educativo, senón accións consonantes con esta política,no  catálogo  dos postos  de  traballo da Función  Publica,  esto cobra  especial importáncia,  cando non se están a convocar prazas que corresponden  ao  perfíl  dos estúdios existintes  no  Estado  (caso  dos diplomados en Biblioteconomía, ou titulados na mesma especialidad no nivel III), e sen embargo convocan-se prazas de Grupo A, cando aínda non existen Licenciados na carreira específica.

En relación co primeiro, terá que habilitar-se a posibilidade  de  acceso  directo á Escola ou Facultade  Universitária  de Biblioteconomía  e  Documentación  -cando  se  creen-,   para  os profesionais que en posesión do título académico necesário, así o desexen.   No   caso  da  Escola Universitária,   co  título  de Bacharelato e o desempeño da profesión,  e no da Facultade  cunha Diplomatura.

A segunda liña de actuación, vai encamiñada aos compañeiros, que estando en activo,  carecen da titulación para o desempeño do posto base.

Tanto  polos  mais rudimentários principios do Dereito  "Nengunha Lei pode-se aplicar con caracter retroactivo en perxuizo do administrado",   como  porque  a situación atopa a súa orixe  na caréncia  de titulación específica reglada no noso País,  e deber inexcusable regularizar a situación.

Temos precedentes na Función Pública,  en diferentes categorias  e diversas Administracións, que van dende os profesores do E.F.,  actualmente incorporados  no  grupo  "A",  pasando  polo Profesores   Técnicos   de   Secundária, Auxiliares   Técnicos Sanitários, Segredarios de Concellos, etc.

Pensamos,  na  Asociación  Bibliotecária  Galega,  que  unha posible  solución,  atoparia-se na modalidade de cursar o  Módulo de  Nivel III (aprovado no B.O.E.  do 12-02-1988).

Lóxicamente,  habería que adoptar medidas similares ás aplicadas aos colectivos antes citados para a sua regularización, que pasarían  probablemente por unha formación non presencial,  e  un sistema de "créditos",  con validacións según o curriculo de cada un en relación coas asinaturas a cursar, etc. Estas medidas deberían ser de aplicación a todos os níveis mencionados.

Esto permitiría unha homologación profesional,  e a creación dun  corpo único que vertebre o exercício da profesión.  Artellarian-se as diversas escalas a partir do Nivel III -bibliotecário de posto base- ao que seguirían Diplomados e  Licenciados).

Ademais,  posibilitaría o mandado legal en canto a posibilidade  dos funcionarios con relación a movilidade entre as diversas Administracións (Lei 4/1988, Capítulo V, Artigo 42).

Así,  como a promoción profesional, a que xa me referín tantas veces.

Tanto  polo auditório,  como polo pouco tempo que me  queda, como  pola  situación referencial dos estúdios  relacionados  coa biblioteconomía existentes no resto do Estado, obvio xustificar a necesidade  da implantación dos mesmos,  xa que coido que non resulta  necesário tanto dende o punto de vista da profesión,  como da  rentabilidade da sua implantación por parte do Sistema Educativo.  Baste,  e mais como curiosidade que como argumentación  en prol dos mesmos, a relación dos diversos estúdios, nos diferentes niveis  educativos,  que  hoxe existen no resto  do  Estado.  Así atopamo-nos con:

  • Módulo  de Nivel III en  Biblioteconomia,  Arqivistica  e Documentación.

  • Documentalista Administrativo.

  • Diplomado en Biblioteconomía e Documentación.

  • Documentalista (cursos de Post-Grao).

A estos perfiles,  que tradicionalmente atopan ocupación laboral  na  Administración,  aínda que cada vez mais demanda-os  a empresa  privada, veñen a sumar-se outros con similar  formación troncal,  tais como  Informador,  Teledocumentalista,  Deseñador, Redactor  ou  Técnico de Bancos de Datos,  etc.  que  actualmente demanda  a iniciativa privada,  e que en pouco tempo precisará  a Administración.

OUTRA FORMACION BIBLIOTECONOMICA:

A cal contemplamos na A.B.G., cando de  fala de "formación bibliotecária",  é a  referida  aos usuário.  Mais,  entendemos esta, como unha formación reglada que chegue   a  todos  os cidadans. Trata-se  de  incorporar  esta disciplina a ensinanza obrigatória.

Basando-nos  no  precedente  francés,   que incorpora  unha asinatura  denominada  "manexo de documentación"  na  educación secundária, estamos a deseñar unha proposta de D.C.B.  para unha asinatura do tipo das actuais E.A.T.P.'s.- que se incorpore no curriculum da vindeira E.S.O.

POR ULTIMO,  unha moi breve reflexión, sobre a necesidade de acometer urxentemente a implantación destes estudios.

Pensemos  que  moitas veces as evidéncias mais  transcendentais  perden  todo  o  seu valor ante  nos, cando  a  forza  de escoita-las reiteradamente caseque se convirten en tópicos.

Por eso,  non esquenzamos, que se cada vez mais estamos nesa "Aldea Global" de Mac-Luhan, débe-se a que estamos na sociedade da Información.

E  Galicia  non se pode permitir carecer de profesionais  no tratamento da información, profesionais cualificados que ademais contribuan a súa normalización cultural.

Porque  parafraseando a José Martí,  "a cultura fai ao  home libre", o que matiza Steinbeck ao decir "polo grosor do polvo dos libros  dunha  biblioteca pública,  pode-se medir a  cultura  dun pobo".

tarefa de todos acadar 
unha Galicia moderna, unha
Galicia informada, unha
Galicia culta, unha Galicia 
de homes ceibes.
	Moitas Gracias
	Pontevedra, 1992
	Xosé-Lois Lois Navaza