Artículo: DIANTE DA CONVOCATORIA DA MESA POLO LIBRO
DIANTE DA CONVOCATÓRIA DA MESA POLO LIBRO
A Asociación Bibliotecária Galega, diante da invitación, por parte do Goberno da Xunta de Galicia, para participar na “Mesa polo Libro”, ve-se na obriga de facer un análise da situación do sector dende a chegada da democrácia até os nosos días, para chegar a conclusións concretas neste senso.
Se nos centramos nos inicios, na I Lexislatura, atopamo-nos cunha “estructura cultural” obsoleta, herdada do Estado Central, e que non responde á nova estructura do Estado das Nacionalidades e Autonomías. Por tanto é necesario dotar-se dunha lexislación que posibilite o desenvolvemento dos novos servícios culturais que a democrácia debe trasladar ao pobo.
As primeiras novedades importantes (salvo as oportunas transferencias en materia de cultura e bibliotecas) atopámolas no período 1987-1989 no bienio do Goberno Tripartito, onde se promulga a Lei 14/89 de Bibliotecas. É unha lei consensuada, e como tal parece non contentar a plenamente a ninguén, pero como contrapunto é un inicio. En determinados aspectos trata-se da lexislación máis avanzada do Estado, por exemplo no concerninte ás Bibliotecas Escolares, xa que é a primeira vez que figuran -de novo- nos nosos repertorios lexislativos dende que en 1965 as deroga-se o réxime anterior.
A ABG, non existente nese momento, participa, non obstante, na elaboración da lei, xa que o seu actual presidente (D. Manuel P. Grueiro) era o vocal de Bibliotecas Municipais na directiva de ANABAD, e outros membros da actual ABG participan nesa comisión. O feito de incluir as bibliotecas escolares na lei, debe-se tamén a un membro da actual ABG, responsable entón na ANABAD da Comisión de Bibliotecas Escolares, estamos a falar do noso vicepresidente D. Xosé-Lois Lois Navaza.
Trata-se nesta lei dun primeiro intento de desenvolver un marco lexislativo “participativo”, onde como esixe a complexidade do noso Sistema Bibliotecario, teñen cabida e representación as diferentes Administracións: Xunta de Galicia (como máxima responsable do sistema cultural galego), as diferentes Deputacións Provinciais, e a totalidade dos concellos (obrigados por lei á tenencia de biblioteca municipal). En canto aos profesionais, tamén están representados en función dos seus diferentes postos de traballo: aparecen bibliotecários municipais e provinciais, así como os representantes das asociacións profesionais.
Resulta obvio suliñar que é unha lei en precario, xa que teria-se que contemplar a incorporación aos Órganos emanados da mesma o resto de bibliotecários e administracións implicadas no Sistema Bibliotecário Galego, por exemplo as diferentes Universidades, Centros de Ensino Secundário, Administración Sanitária, etc., así como os profesionais destinados en cada rede do Sistema.
Un feito importante, é a falta de valor político no momento, para non chamar-lle á cabeceira do Sistema polo seu nome. Así, a nosa Biblioteca Nacional de Galiza, denomina-se na lei de Bibliotecas “Centro Superior Bibliográfico de Galicia”. Moitas veces o ser pioneiros en algo, tamén conleva lastres a soltar no futuro. Hoxe en día a ninguén lle suporía problema algún chamar as cousas polo seu nome, e así Asturias, Andalucía, e por suposto Euzkadi e Catalunya, etc, contan coa súa Biblioteca Nacional.
Entramos na III Legislatura, pero antes é importante facer repaso da campaña electoral, onde o actual Presidente da Xunta de Galicia, coincide plenamente co manifestado no ponto anterior, pois promete de xeito formal, que si é investido polos galegos como Presidente da Xunta, reformará a lei acabada de publicar e creará a Biblioteca Nacional de Galiza.
Non se trata só de promesas electorais, no seu primeiro discurso de investidura como Presidente reitera a súa promesa e compromiso persoal.
Durante as catro legislaturas a Asociación Bibliotecária Galega está a demandar, sen éxito algún, a posta en marcha por parte do executivo da Lei da Bibliotecas. Xuntanzas varias con representantes da Administración Autonómica dan fé delo. Como elemento pintoresco, o expresado polo Exmo. Sr. D. Homero Pérez Quintana, Director Xeral de Cultura, que en xuntanza formal con membros desta Asociación manifesta: “O Goberno considera que non é unha lei axeitada, e por iso non a porá en marcha…”.
Dende esta asociación, consideramos que o Executivo non é quen de facer consideracións sobre as leis vixentes. En todo caso, debe cumplir as mesmas e as facer cumprir –segundo mandato constitucional e promesa na toma de posesión do seu cargo- até que a súa mayoría parlamentar lle permita modificar as que non son do seu gusto. Crémos que nesto basea-se os principios da democrácia e a súa sacralizada separacións de poderes.
A realidade, é máis cruel, e despois desta primeira legislatura presidida polo Exmo. Sr. D. Manuel Fraga Iribarne, -con mayoría absoluta- na que non se fai absolutamente nada en prol de poñer en marcha a lei existente, nin tampouco se promulga unha lei sustitutiva, se suceden tres máis, nas que tamén conta con mayoría absoluta, nas que de forma sistemática, “aparcan-se” os problemas culturais do pais até o derradeiro ano de cada unha delas, no que, de forma sospeitosa, se chama aos diversos sectores para acadar o seu punto de vista sobre unha modificación da mesma. Unhas veces trata-se de xuntanzas máis ou menos formais, outras de convocatorias máis amplias, nesta lexislatura a fórmula ideada é a “Constitución da Mesa polo Libro”.
Se certamente resulta importante o referente legislativo, xa que posibilita –ou neste caso imposibilita a creación do Sistema Bibliotecario Galego-, tamén o é o decorrer diario das nosas bibliotecas. En prol da concreción, suliñaremos aspectos importantes que presentou a ABG perante a Administración e con desigual éxito:
· Librería da Xunta de Galicia, ao modo da existente na Generalitat de Catalunya, e noutras Nacionalidades ou Comunidades Autonomas avanzadas. O Exmo. Sr. D. Antón Pulido, Director Xeral de Cultura na ocasión –en xuntanza de traballo con esta asociación- contestou que a Xunta de Galicia estaba na precura dun local axeitado. Dende entón segue sen aparecer dita infraestructura inmobiliária.
· Rede de Bibliotecas Escolares. Trata-se, cecais, da rede máis sinxela de crear para a Xunta de Galicia, xa que ten competencias plenas nas diferentes administracións implicadas, e a que menos investimento requeriría. As Consellería implicadas son as de Educación e Cultura (e curiosamente foron unificadas en algún dos Gobernos presididos polo Exmo. Sr. Fraga Iribarne). A Consellería de Cultura lle contestou a esta asociación que no seu calendário estaba prevista unha xuntanza coa Consellería de Educación para a firma dun convenio ao respecto, e poñer en marcha a rede de bibliotecas escolares. Se deron determinados pasos nesta dirección. Por parte da Consellería de Cultura se arbritou toda unha estratéxia formativa (mediante cursos de Iniciación, Perfeccionamento I, Perfeccionamento II e Especialidade) para docentes, coa finalidade de que estos fosen os encargados das bibliotecas escolares. Se aproveitaba ademais o descenso demográfico, co que se rentabilizaban os recursos humanos existentes. A Asociación Bibliotecária Galega participou activamente nesta iniciativa, e así, a meirande parte dos profesores (Dona Mar Fontela López, Don Manuel P. Grueiro, Don Xosé-Lois Lois Navaza) son membros da ABG. Estos cursos baixo a coordinación da ABG na persoa de Xosé-Lois Lois Navaza recurriron a expertos profesionais (D. Esteban Sanesteban Fernández, D. José Rodríguez Silvar, D. José Grandal, D. José Victorio Nogueira). Este equipo de profesionais, en contra das tendencias maioritarias, recorreron Galiza enteira formando a máis de 700 docentes. Pola sua banda a Consellería de Educación aprobou a posta en marcha dun par de Seminarios Permanentes de Profesores no Contexto da Reforma sobre a posta en marcha de Bibliotecas Escolares. Dona Helena Villar Janeiro foi a coordenadora dun deles e o noso vicepresidente D. Xosé-Lois Lois Navaza do outro denominado “Proxecto A.B.S.E. –Artellamento da Biblioteca no Sistema Escolar”. Tamén entregou un par de institutos con instalacións destinadas a bibliotecas.
Únicamente faltou, por parte de Xunta, atopar a data para a celebración desa “cumbre” entre Consellerías, e así rendibilizar todo o investimento executado e o esforzo voluntário de tantos implicados.
· Regularización da profesión. Dada a realidade da situación das bibliotecas públicas con relación ao seu persoal, a ABG presentou unha serie de medidas encamiñadas a resolver a mesma, e cumplir de paso cos preceptos consagrados no Estatuto dos Traballadores, a Lei da Función Pública e o Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, no concerniente ao acceso e promoción laboral. Entre as mesmas propuxo-se un Módulo de Nivel III para homologar a todos os traballadores en activo, carentes de titulación específica. Para posto de traballo base, pensábamos, e seguimos a pensar, que se trata do perfil idóneo. Reclamamos –e neste caso con éxito- a Diplomatura en Biblioteconomía, que se imparte na súa respectiva Escola da universidade coruñesa, no Campus de Ferrol. Para dar-lle continuidade á profesión, e ter capacidade formativa para dotar-nos dos profesionais chamados a ocupar os postos das principais bibliotecas e mesmo da cabeza do Sistema, seguimos a reclamar a Licenciatura en Biblioteconomía e Documentación. En canto a formación contínua dos profesionais, denunciar que a pesar da nosa permanente reivindicación, a Administración Autonómica, non a debe considerar “axeitada”, tal e como acontece coa Lei de Bibliotecas.
· É deber da A.B.G. denunciar que a Xunta de Galicia, incumpre de forma sistemática con todas as obrigacións que ten un sistema bibliotecário. Así a modo enumerativo, en función da brevedade do presente documento, denunciar que dende que foron efectivas as “Transferencias en materia de Cultura” por parte do Goberno Central ao noso, non se está a levar un Depósito Legal Unificado, se está a facer en sete centros diferentes, sen garantía de coheréncia e mesmo de conservación, xa que incluso algún deles é de titularidade privada. Non se coñece o estado de elaboración da Bibliografía Nacional (que en todo caso será “virtual” como os fondos da nosa Biblioteca Nacional, mal chamada Centro Superior Bibliográfico de Galicia). Non existe unha vertebración do sistema, nin unha política cultural, xa que non existe coordenación entre as redes (que a súa vez, na maioría dos casos, tampouco existen). A coordenación entre as diferentes bibliotecas, cando existe, debe-se ao voluntarismo dos seus bibliotecários, e cesará cando esta falte. A rede máis prolífica, e sen dúbida a que máis usuários-lectores ten, non depende da Xunta de Galicia, senón que é de titularidade municipal, e non está a receber os servízos dos que tería que dotar-lles a cabeceira do sistema a nível técnico, e nin tan siquer están a perceber dotacións nin axudas económicas.
Vista a situación, e ante a evidéncia que nos atopamos ante unha situación xa coñecida nas anteriores catro legislaturas, a Asociación Bibliotecária Galega, por coheréncia e dignidade profesional, así como por cumprir coa obrigación que ten contraída co pobo galego, como profesionais que traballan en prol da conservación e difusión da súa Cultura, ve-se na desagradable obrigación de rexeitar a invitación do Goberno da Xunta de Galicia, a participar na Mesa polo Libro.
Todo esto a pesar da nosa tradicional colaboración con todo tipo de Administracións e mesmo con diferentes partidos e ideoloxías, xa que transcoridos quince anos dende a aprobación da lei, a falta de despostas, fai-nos pensar que esta convocatória pode tratar-se, de novo, dunha operación de imaxe ante a inminéncia das vindeiras eleccións.
Non obstante, estaríamos dispostos a considerar esta postura, sempre e cando se cumpran as seguintes circunstáncias:
1/ Convocatoria inmediata dos Órganos emanados da Lei de Bibliotecas.
2/ Compromiso efectivo, con calendário certo, da posta en marcha da Rede de Bibliotecas Escolares, que debería entrar en vigor no actual ano académico 2004-2005.
3/ Creación da figura do bibliotecário escolar (suprimido polo antiguo réxime en 1965).
4/ Dotación orzamentária para as bibliotecas municipais.
5/ Convocatória dos sectores implicados cara a formar un Corpo Único de Bibliotecários, dependentes da Xunta de Galicia.
6/ Localización inmediata das instalacións para a posta en marcha da Librería da Xunta de Galicia.
7/ Implantación dunha política cultural nacional, e que no concerniente a bibliotecas se transcribe entre outros en carné único de lector galego, préstamo interbibliotecário, centro de recursos culturais, centro de recursos materiais, etc.
Galiza, 14 de setembro de 2004
Asdo.- Manuel P. Grueiro. Presidente
Asdo.- Xosé-Lois Lois Navaza. Vicepresidente
|
|